NA ÚLTIMA | O |
10 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.COÑECÍN nunha ocasión a un espía de verdade, aínda que xa fóra de servizo. Por suposto, como se espera dalguén capaz de gardar segredos, non se delatou como tal. Limitouse a deixar que o auditorio o supuxese. As sospeitas xurdiron cando se presentou en perfecto sueco pese a ser dun país do Este. Alguén lle preguntou pola súa competencia nun idioma que pasa por ser dos máis difíciles de aprender, cun dos acentos máis complicados de imitar, se non lle ven a un dado pola educación na infancia. Contestou que nunca vivira en Suecia, e que tampouco fora diplomático naquel país, como suxeriu alguén. A conversa enfilouse irremediablemente cara á materia, cun auditorio atraído polo misterio que rodea a un gremio moitas veces mitificado sen razón, segundo se desprendeu da tertulia posterior. Resulta que o xefe do servicio de intelixencia sueco debuxara uns anos antes, durante a súa comparecencia con motivo da comisión de investigación sobre o asasinato de Olof Palme, un panorama disparatado do traballo dos seus axentes, pois a miudo se perdían nas cidades cando os enviaban en misión especial. O espía non deu dealles sobre ningunha das súas operacións. Seguramente porque sabía que resulta moito máis atractivo imaxinalas.