NA ÚLTIMA | O |
01 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.ENTRE AS imaxes filmadas do tsunami do Índico e o que os surfistas tiñan por un fenómeno natural mítico para o seu deporte hai unha gran distancia. Dentro do surf circulan lendas que falan de grandes ondas, rompentes perfectas e cousas polo estilo. Hai unha vertente do deporte que consiste simplemente en descender coa táboa por unha parede dunha onda o máis grande posible. Entre os entusiastas desa modalidade, debúxase nas súas mentes o tsunami como unha onda perfecta, de grande altura, pero de características similares ás dunha onda normal. Por iso, cando o tsunami chegou ás costas como unha masa de auga revolta, sucia, con restos de vexetación e as construccións que levara por diante, esa imaxe desapareceu da mente de moitos deles. Sen embargo, agora que as augas se teñen retirado despois de deixar miles de mortos, hai outros mitos que nacen amparados polo tsunami. A forza da corrente desenterrou unha antigua cidade india que permanecera sumerxida durante séculos. Agora os arqueólogos viven con felicidade un feito que se produciu no medio dun drama humano terrible. E os surfistas aprenderon que un tsunami non merece a pena. Aínda que devolva un cacho de historia, escribiu outra demasiado negra.