Prohibir

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

14 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTÁ moi ben que as autoridades se preocupen pola saúde dos seus súbditos, e por fenómenos tan terribles coma os accidentes de tráfico. Está moi ben que se protexa o dereito dos non fumadores a tragar o rastro tóxico que algúns deixamos por aí, e que non se deixe falar polo móbil cando se debería estar atendendo ao guío, como diría o outro. O caso é onde se pon a liña do límite. O ministro do Interior di que está estudiando prohibir que os conductores fumen, porque disque é un risco engadido para a circulación. E, sen embargo, á hora de poñerme a facer quilómetros, a min moléstanme máis as botas de caña alta que o pitillo; e sospeito que á miña veciña do quinto o que a fastidia son os zapatos de tacón; e ao meu primo de Granada, o tufo dalgunhas industrias dos arredores de Pontevedra faino pechar a ventá do coche atropelladamente; e á maior parte dos mortais os cursos e os exames para obter o carné de conducir parécennos chistes tan caros que maldita a graza que teñen. ¿Tamén os van prohibir?