¡ARRE HO! | O |
12 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.VIVO nunha cidade dormitorio, a dez quilómetros dunha capital tirando a pequena, e para chegar dun lugar a outro teño que vadear un enorme atasco de tráfico. No lugar onde vivo, tipos coma min, novos e sen herdanzas, cun traballo decente pero non de sete estalos, cun coche no garaxe e unha hipoteca roendo na nómina cada primeiro de mes, sobrevivimos ao tedio poñendo lustre aos números da nosa vila de adopción nos escalafóns de nivel de vida, sempre tan subxectivos. Os sábados pola mañá vou comer a un restaurante italiano no que, por veces, atopo a varios compañeiros de traballo, cada un na súa mesa, coa súa parella, coa familia, sós, cos nenos. Saudámonos cun forte apretón de mans e preguntámonos, invariablemente: «¿Ti tamén vives aquí?». «Si, un pouco máis arriba, ao lado do cruce». «Que ben, ¿libras esta finde?». Na porta do restaurante montan un mercado con empanadas, zapatillas de casa e camisetas yeyés adaptadas ao gusto do barrio. Nós revolvemos entre as caixas buscando unha ganga que nos alivie o armario a un prezo razonable, e pensamos en que é necesaria dunha vez unha nova épica para as aforas, porque non temos a billeteira dos personaxes de John Cheever nin nos dá a cabeza para deprimirnos tanto coma os de Richard Yates. Ou si.