NA ÚLTIMA | O |
07 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O DIARIO La Vanguardia descubriu un día por pura casualidade unha das historias que despois foi das máis celebradas polos seus lectores. Como en case todos os periódicos de España, no diario catalán tamén é tradición enviar a un fotógrafo para retratar a histeria que provoca en moita xente as rebaixas dos comercios. O encargado de cubrir o acontecemento escollía sempre as portas duns grandes almacéns de Barcelona. Entre o material co que chegaba despois á redacción había fotografías de persoas pelexando por un pantalón, unha braga ou un chaquetón de saldo. Ademáis de instantáneas como esas, cada ano facía unha foto da xente facendo cola ás portas do estabrecemento para inmortalizar a tensión dos minutos previos á apertura dos comercios. Un día estaba Carlos Pérez de Rozas, director adxunto de arte do xornal, seleccionando as imaxes para ilustrar o reportaxe sobre as rebaixas cando caeu na conta de que nas instantáneas dos últimos seis anos, as señoras que encabezaban a cola eran as mesmas. Ocupaban sempre o primeiro sitio, xusto pegadas ás portas de cristal. Vestían ademais, ano tras ano, os mesmos abrigos. Unha delas, un azul, e a outra, un de cor marrón. Vese que o madrugón anual era máis un divertimento que un esforzo por atopar unha ganga. Por exemplo, un chaquetón.