NA ÚLTIMA | O |
06 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O DE ESTROPEAR as cousas buscándolles unha explicación lóxica é un costume moi estendido. Hai auténticos especialistas en descubrir o truco dun xogo de maxia para arruinar o pracer dun momento único. Son os mesmos escépticos que estragan unha película de acción mentras comentan dende a butaca do lado que as piruetas do protagonista son imposibles. Moitas veces a faena ven acompañada de certa doctrina científica para sustentar as teorías que pretenden alterar a realidade tal e como se fixo, para disfrutala. Un estudioso calculou nunha ocasión que a separación das augas que fixo Moisés para axudar á súa xente a cruzar o mar Roxo foi en realidade a consecuencia dun fenómeno meteorolóxico. Resulta que se sopra un vento de certa intensidade durante un período de tempo suficiente, o mar pódese retirar uns centos de metros, e chegar a sobrepasar incluso o kilómetro. Así se explicaría o episodio bíblico, sen que se acerte ben a comprender se a teoría reforza a posibilidade dunha mediación divina ou se foi pura casualidade. O problema é que se se comeza por buscarlle explicación lóxica ao que se conta na Biblia, ao mellor acábase por arruinar a ilusión contando calquera disparate sobre os Reis Magos.