NA ÚLTIMA | O |

16 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

AOS SEGREDOS páselles como á maxia, cando se descubren, perden moito do seu atractivo. Sen embargo, hai veces nas que non se pode resistir a tentación e, por iso, revelarase aquí un. As medallas olímpicas, incluso as de ouro, non son dese metal, segundo confesaron uns galegos que custodian unha na súa casa. Non resultará moi dificil saber quen, pero, seguramente porque a eles non lles importa, pódese contar tamén aquí. A despreocupación coa que se vive na inocencia dá un xiro con este tipo de pequenas desilusións. En realidade, pouco importa o material, pero en citas tan importantes como uns xogos olímpicos, sempre se espera algo máis de esforzo por parte da organización, un xesto que permita seguir soñando na comodidade de quen confía en que o traballo pola superación constante se vai recompensar con algo máis que un xesto. Xa dá igual que se lle busquen as escusas mellor pensadas, os argumentos máis convincentes ou un razonamento sereno que permita relativizar a importancia do que en realidade non é máis que un detalle. Pero ás veces os pequenos matices son os máis importantes. Unha data no calendario, un soriso a tempo, un xesto de coplicidade poden cambiar o rumbo dunha vida. Saber gardar un segredo, tamén.