O dios que te fixo

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

25 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

VANME permitir que me poña ordinario para que lles explique de maneira gráfica por que me espanzurro de risa cando comprobo como no meu país aniñan racistas e idiotas de novo cuño, agora que, polo visto, somos superricos e supereuropeos e supermodernos e todo iso, e temos dereito a crer que hai xente que cruza o océano en lanchas de merda para roubarnos o traballo e para ver o guais que somos. Hai un par de anos estaba eu morto de frío e bañado en chuvia en Kings Road, a rúa de Londres na que nos setenta tiñan tendas Malcolm McLaren e Vivienne Westwood, e pola que paseaban os punks máis pijos, que daquela xa os había. Temendo quedar tan conxelado coma Edurne Pasabán no Himalaya, decidín tomar un té nun bar bastante normal que había por alí, o Chelsea Kitchen, que estaba cheo de operarios da telefónica comendo salchichas, estudiantes lendo apuntes e señoras que viñan de comprar no súper de enfrente. Nun momento dado, mentres eu movía as pernas para tentar recuperar a circulación, na cociña escoitouse un estrondo de platos rotos. Houbo un segundo de silencio, e, xusto despois, un camareiro reprendeu ao outro, e díxolle, e escríboo sen traducir: «Me cago no dios que te fixo». E a min, que queren que lles diga, o acento sonoume máis a Negreira que a Plymouth.