¡ARRE HO! | O |
19 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.FALEMOS agora en escala. Polo traballo que ten, servidor ve moitos partidos desde a grada, normalmente desde a de Pasarón. A min encántanme as bancadas dun estadio; pásoo case tan ben vendo o xogo como escoitando e contemplando o que pasa entre os siareiros, que normalmente son pura emoción con bufanda de cores. Pero ás veces tamén se me torce o xesto e se me revolven as tripas. O outro día, no Pontevedra-Almería, vinme rodeado por un grupo de calabazotes vestidos de persoas normais. Cada vez que tocaba o balón Acasiete, o peruano que xoga para os andaluces, o pobre home recibía un recital de insultos dignos de vergoña, e máis vindo como viñan de tipos con toda a pinta de ter media familia facendo pola vida en Suíza. Cada vez que facía unha xogada Nanni, que por certo naceu en Buenos Aires, o seu aire moreno facíalle escoitar comentarios do máis vulgar sobre pateras, pementos, alfombras e demais babosadas do encefalograma máis miserable. O peor de todo é que, mediada a segunda parte, o fillo pequeno dun dos filósofos que sentaban ao meu redor berrou, de pé sobre o asento: «¡Melenas, moromierda!». Adiviñen cal foi a reacción da intelliguentsia circundante.