NA ÚLTIMA | O |

30 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO SE ACHEGABA a época de San Xoán, os cativos do pobo invertiamos a maior parte do tempo das recén estreadas vacacións en estragar árbores. Facía falta a leña para as fogueiras. O método era pouco ortodoxo. Provistos de machadas, os rapaces gabeaban e talaban todas as pólas ata deixar carballos, pinos e nogueiras como paus de escobas. Por raro que pareza, as árbores non morrían. Ao ano seguinte, repetíase o proceso. A filosofía era que se sobrevivían un ano, podíase mallar nel ao ano seguinte. Se por contra secaban, usábase o tronco para a fogueira do San Xoán seguinte. Só unha acabou así. Acordeime da cousa despois de que onte se soubera que os especialistas locais están en desacordo cos procesos de poda que se emprega nas palmeiras estes días. Din que van morrer de frío, contraerán enfermidades e non se sabe cantos desastres máis. O que parece que escoce máis é que o contratado sexa de Elche, cando por aquí hai profesionais de sobra. Levan razón, pero o motivo da contratación do foráneo parece ter máis que ver coa economía que co fomento do emprego local. De momento, as palmeiras locen máis fermosas que nunca. E xa se sabe eso de que a cara é o espello da alma.