¡ARRE HO! | O |
27 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DÁME unha pereza tremenda volver falar do ele máis famoso de Galicia, o de La Coruña, o que desenterrou o alcalde herculino, Francisco Vázquez, dicindo que vai propoñer, amparándose na lei de grandes cidades, a cooficialidade do topónimo en galego coa presunta forma en castelán. Por unha parte, encántanme as persoas que lles inventan nomes ás localidades: un dos meus libros favoritos é As cidades invisibles, de Italo Calvino, no que Marco Polo lle fala a Kublai Khan de ducias de sitios que nunca existiron. Por outra, como admirador dos Clash -xa saben, aquela de «loitei contra a lei, e a lei gañou»-, tenme gracia iso de que haxa normas de obrigado cumprimento -proben a ir a Facenda dentro duns meses e facerse os tontos- e outras que bah, non pasa nada, deixa que corra que hai que ser un idioma amable, coma as leis para a normalización lingüística. Ademáis, aprezo moitísimo o argumento de Vázquez de que o tema volve sacalo á luz en aras do consenso e do buen rollo interlingüístico. Espero que lle aplique o mesmo razoamento ao listado de rúas da súa cidade, no que se homenaxea, con gran orgullo por parte da alcaldía, a tipos como Millán Astray ou Mola. A ver cando lle dedica unha praza a Líster. Ou a Bin Laden, que tamén está no bico de todos.