¡ARRE HO! | O |
14 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.UN MINISTRO de Berlusconi vén de dicir que en Europa os que mandan son os culattoni, os maricóns, en román paladino, e que hai que lamentarse por iso. A frase, brillante donde as haiga, vén a conto da polémica polo nomeamento dun católico homófobo para o posto de comisario europeo de Xustiza, que vai ter que intervir en asuntos coma a lexislación de dereitos civís. O paisano, que se chama Buttiglione, coma o que fan os rapaces italianos os sábados pola noite, asegura que el saberá distinguir entre as súas crenzas relixiosas e o dereito, pero a min paréceme que isto vén sendo algo así como designar ao fillo de Santiago Bernabéu -ou ao testicular Camacho, agora que está no paro- para pitar nun Real Madrid-Barcelona. Os conservadores, entre eles o presidente designado da Comisión, o portugués Durao Barroso, defenden ao tipo, mentres que os progresistas se volven tolos só de pensalo. Eu téñoo ben claro: con machos así na política europea, menos mal que os que mandan son os maricas. Entre os que, se fai falta facer bandos, me inclúo, naturalmente.