Entrevista | Raúl Gómez Farto Está convencido de que os centros da comunidade non están preparados para este cometido e afirma que fai falla unha formación específica do profesorado
07 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Este luns comezaron en Caldas as actividades programadas pola asociación Escola Viva, que o ano pasado alcanzou o vinte aniversario, cumplindo coa súa actividade de analizar as problemáticas existentes na educación e que implican, tanto a profesorado, como a alumnado. O seu presidente, Raúl Gómez Farto, forma parte da organización dende o seu comezo, e Vilagarcía e Pontevedra son as súas seguintes paradas. -¿En que se van centrar estas xornadas? -Imos traballar, ata o día dez, no tema da escolarización do alumnado inmigrante, porque é un tema candente na actualidade que está demandando unha atención constante. O número de familias estranxeiras no estado español aumentou este ano nun 20% e España é o país europeo a onde se dirixen máis inmigrantes. -¿Que obxectivos queren cumplir? -Tentaremos coñecer e situar o estado da cuestión e tamén falaremos dalgunhas experiencias persoais tanto en Galicia como no resto do país. Analizaremos a lexislación existente, os dereitos e deberes dos inmigrantes. -¿A quen está dirixido o curso? -O curso xorde porque é unha propia demanda do sistema educativo e está dirixido a profesores do ensino público e privado concertado. -¿Cales son os problemas que destaca o profesorado? -Fundamentalmente o problema da lingua. Este é o máis importante. Tamén sinalan o problema cultural. Xorden entón os conceptos de multiculturalidade e interculturalidade. -¿Cales son os sinais identitarios da organización? -Manifestamos sempre as nosas necesidades. Estamos en contra de que se poda concentrar unha gran proporción de alumnos nun só centro. Estamos a favor da distribución porque é moi frecuente comprobar como nalgúns centros hai demasiados inmigrantes e noutros ningún. -¿A que cre que se debe a falta de equidade? -A unha escolarización do alumnado de forma irracional. A oferta de prazas tiña que partir dos centros educativos. Debería haber unha redistribución do alumnado. Só así habería un reparto equitativo, como en Navarra ou Murcia, onde teñen que destinar un número determinado de prazas a inmigrantes. -¿Están os centros de Galicia preparados? -A escolarización de inmigrantes é dificil en Galicia, porque os centros non están preparados para iso. -¿E os profesores? -Os especialistas en idiomas teñen moito que dicir nesta problemática. Débese demandar unha formación rigurosa e específica do profesorado.