NA ÚLTIMA | O |
10 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.SENTADO no sofá onte pola mañá, ou máis ben ao mediodía, xusto depois de erguerse da cama, recibiu a nova que estivera buscando os últimos anos. O mesmo xornal que lía cunha indiferencia que rozaba a desgana acabou por darlle unha das noticias máis felices da súa vida. Aquel congreso de estudiosos acababa de darlle a escusa perfecta, un argumento vital irrefutable: «Ser vago alonga a vida». Tomou o traballo de ler dúas veces as mesmas liñas, algo no que nunca antes se esforzara. Logo recortou a peza da páxina e gardouna co mimo co que atesouraría un salvoconducto que lle ía permitir unha vida, a partir de entón, sen sobresaltos. Non tomou, sen embargo, a molestia de furgar nas hemerotecas, como fixo o seu amigo, que estaba máis interesado en recopilar recortes sobre as diferentes teorías para procurar a eterna xuventude. Entre eles estaban a nova na que un señor de Turquía aseguraba que chegara aos 114 anos a base de beber todos os días medio litro de licor, ou a do congreso que concluira que o segredo da lonxevidade residía nunha actividade mental estimulada a través das frecuentes discusións e a actividade física. Daba igual, ser vago alonga a vida. Era canto quería saber, xa nin sequera volvería ler o periódico. Non fora ser que morrera co disgusto ao ler o desmentido.