As vacacións de Papuchi

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

03 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NESTA profesión que algúns exercemos como imos podendo dise que a información de verán é «información branda». É dicir, que onde habitualmente se escribe de asasinatos, reasfaltados de corredoiras, partidos históricos -que veñen sendo case todos- e riñas políticas, agora fálase dos famosos que pasarán en xullo e en agosto polas praias de Sanxenxo. Non sei o que pensan vostedes do asunto, pero a min isto, o dos famosos, paréceme un asunto do máis árido. Deberían ver o mal que o pasa servidor, que vai pola vida de tipo enrollado, cando cadra no medio dunha conversa na que se conta que en tal hotel estivo hospedado Papuchi, ou na que se debaten as últimas declaracións de Aída -por fin sei quen é- cantando as alabanzas do Presidente Fundador. Por máis intentos que fixen, e xúrolles que foron moitos, nunca logrei entender do tema. Simplemente non dou, non logro seguir as reviravoltas constantes desa clase de información, o ritmo é demasiado frenético para min. Por iso, non poido deixar de sentir unha profunda admiración cando leo que unha presentadora de informativos ten por referente «a la mujer de Enrique Ponce». ¡Ole!