¡ARRE HO! | O |
26 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HORACIO Dopico é un crápula de manual: prefire durmir tirado no baño de calquera discotasca infecta antes de facelo entre a cochambre da súa propia casa, vai de antro en antro pilotando o seu Dyane 6 granate, apatrullando as rúas dun Ourense moi distinto -ou non tanto- do de verdade, mete os fuciños nas miserias alleas, ten as tripas perforadas e faille sopas ao whisky barato. Dopico, o noso John Rebus, ten a velocidade verbal dunha Smith & Wesson, e só un inconsciente o retaría a un man a man dialéctico. O detective Horacio Dopico é o antiheroe da novela Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras, un libro que recupera por fin o xénero negro para unha literatura galega preñada de peñazos memorialistas. Nela non atoparán nostalxias de aldea, nin infancias perdidas, nin fantasías pseudoceltas, nin xogos literarios baratos: o que aquí hai é prosa directa ás moas, unha batería lingüística de tal riqueza que encendería de vergoña a cara dalgún preboste do ILG, sorna endemoniada e terapéutica de puro tóxica e chistes privados sobre un fondo de música punk. Se queren ler e sentirse ben, cómpreno. Se queren sentirse mal, tamén.