¡ARRE HO! | O |
18 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.UNHA compañeira, mai recente e hipnotizada co seu Jorge -non é estraño, tíñano que ver-, cóntame que o último do último en equipamento para recén nacidos é un CD con pezas de Mozart. Segundo din, os nenos que escoitan obras de música clásica nos primeiros días desenvolven mellor as súas capacidades intelectuais. A ela o asunto dálle un pouco de reparo porque, agora que está pendente do pequeno as vintecatro horas do día, o que soa de fondo na súa casa son vídeos musicais dunha cadea de televisión americana. Non sei que dicirlle porque descoñezo se a teoría ten fundamento. Eu medrei oíndo as cancións galopantes da Creedence Clearwater Revival e as filigranas guitarreiras de Jimi Hendrix que puña o meu pai nun radiocasete Philips de cabezais gastados, e así saín, garrulo perdido. Pero tamén razonablemente feliz: non coñezo mellor cura contra a depresión que o primeiro disco dos Specials, nin momento máis grande que o final do Hang on de Teenage Fanclub, nin felicidade máis intensa -ningunha, créanme- que a que se sente cando soa In the sun, de Blondie. E, diso estou seguro, a música pop é bastante máis barata que o Prozac.