NA ÚLTIMA | O |
11 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.DE RAPAZ, na escola, sempre había compañeiros que renegaban de toda a arte que non tivera que ver coa reprodución máis exacta da realidade. Desbotaban, por suposto, calquera interpretación da vida que fose distinta da que devolvía un espello, a tele ou unha fotografía. Así, un deles adoitaba referirse a «eses cadros» como unha especie de interpretación caradura da arte, un recurso «deses modernistas» para facerse con cartos rápidos con escaso esmero. O argumento, estendido dabondo, baseábase en que o proceso creativo ao que se enfrontaba, por exemplo, Jackson Pollock para facer unha das súas obras era pasar por enriba con toda a prepotencia dun vago sobre o esforzo de pintores como Velázquez, que era, ese si, o centro de todas as loubanzas. Pero os mesmos que admiraban a destreza co pincel de Velázquez, os matices cos que era capaz de pintar a luz e mesmo o aire, rexeitaban que un burro pendurado do teito que poideron ver anos despois nunha exposición hiperrealista, xa como alumnos de instituto, fose nada do outro mundo. Outra vez era o esforzo o matiz que se esgrimían como meritorio, pois o burro, con todo o real que parecía, fora consecuencia da colaboración do artista con texnoloxías de taxidermista misturadas coa escultura. Pura estafa. Hai tempo que o debate estaba arrinconado, pero acordeime del onte ao ver a polémica por ese artista que pendurou tres monecos dunha árbore para que pareceran tres cativos aforcados. Mérito non ten ningún. Pero se o artista ten algo de corazón, debeulle polo menos costar esforzo colgar tres corpos infantís dunha soga. Aínda que fose de broma.