OS PROFESORES de todo o mundo teñen á súa disposición, gracias a unha iniciativa da universidade americana de Berkeley, unha páxina en Internet que explica todo o relativo á teoría da evolución de Darwin. O servizo, que opera dende hai uns días, trata basicamente de ofrecerlle aos docentes argumentos para facer fronte á ofensiva que veñen desenvolvendo os defensores da teoría antievolucionista. Os creacionistas, que é o nome que reservaron para si os grupos relixiosos contrarios á teoría que formulou Darwin, reclaman que se ensine nas escolas que os homes, ao igual que o resto do universo son obra en exclusiva de Deus. Entre os recursos que ofrece o sitio web figuran exemplos prácticos de cómo responder ás preguntas que formulan os rapaces nas aulas, e sobre a importancia de explicar correctamente a teoría evolutiva como un dos pilares básicos para comprender o mundo. A loita entre os partidarios e os detractores de Darwin é, pese ao apoio das novas tecnoloxías, moi desigual. Os creacionistas teñen a favor da súa teoría que chega coa fé para dala por boa. Así que para que os profesoes poidan gañar adeptos entre os enraizados no dogma fará falta algo máis que Internet. Algo así como un miragre.