¡ARRE HO! | O |
01 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI QUEN asegura que, dentro de non demasiado tempo, os periódicos non os farán xornalistas. As empresas, os políticos, os clubes deportivos, alugarán espazos en papel e escribirán directamente neles. Isto, que asustaría a calquera cidadán decente, parece gustarlle xa a demasiada xente. Despois dos atentados do 11 de marzo houbo quen non tardou nin vinte minutos en arrimar a sardiña ao lume, tildando de antipatriotas e de irresponsables aos medios de comunicación que tentaban facer o seu traballo no medio dunha confusión que por veces semellou interesada. Máis exemplos: no casos de dopaxe que se descubriron ultimamente no ciclismo, varias persoas, incluíndo entre elas a un profesional de longuísima traxectoria no sector, aseguraron que un bo xornalista non se dedica a investigar cousas desas. Deben ser entón os taxistas, ou os fresadores, os que tratan con asuntos semellantes. A última foi a do presidente do Celta, Horacio Gómez. Polo visto, non lle gustou xa non o que dicían os compañeiros da Radio Galega sobre o seu equipo, senón que lle pareceron mal as opinións expresadas polos oíntes dun programa. Así que xa non se trata só de controlar o mensaxeiro e máis a mensaxe: agora, o inimigo é o receptor.