NA ÚLTIMA | O |
31 mar 2004 . Actualizado a las 07:00 h.AGORA QUE chega a Semana Santa abruma un pouco que haxa xente que se estea preparando para facer turismo no espazo. Gregory Olsen é o terceiro home que viaxará nunha nave espacial só por pracer. Vaille costar uns vinte millóns de euros, que é o mesmo que se sortea esta semana na lotería que reparte cartos entre todos os europeos afeccionados á nova modalidade de Primitiva comunitaria. Cada día, un grupo de compañeiros da redacción do periódico pasamos polo cartel da administración que vai anunciando a acumulación do premio nun bote enorme. Hai veces que cubrimos un boleto. Vale dous euros, que é o prezo que algúns consideramos xusto por poder soñar durante unha semana co que faríamos con vinte millóns de euros no peto. Olsen teno claro. Vainos investir en voar entre as estrelas nunha nave rusa, que é o país que puxo en marcha un programa de financiamento para a súa industria espacial a base de ricos que queren cumprir o seu soño. Di o turista que o que de verdade lle dá medo da experiencia non é ter que despegar nun artiluxio que o leve a toda velocidade lonxe da Terra, senón o feito de ter que aprender ruso para entenderse coa tripulación. Pois eu, se me toca a lotería voume anotar a unha academia de ruso. Pero sen nave espacial.