Extraordinario

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

24 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

VAISE ESTREAR en España a finais de abril unha película sobre un xornalista que inventaba as historias que escribía. Hayden Christensen, o actor que vai interpretar a vida Stephen Glass, que é como se chama o fabulador no que se inspira o filme, di que o xornalismo perdeu nos últimos tempos un pouco o seu compormiso coa verdade. O actor atribúe a situación a que os medios tenden a unha mestura de entreteñemento e información que fixo que a liña entre ambos quedara moi difusa. O personaxe que inventaba as historias que escribía facíao cunha mestría tal que aos 25 anos se converteu nunha estrela nacional pola calidade das súas pezas informativas. O problema era precisamente que estas eran todo menos informativas. Podería ter aforrado a vergoña de ser sinalado como un mentiroso se tivera dedicado o seu talento á literatura de ficción. Outra opción pasaría por ser capaz de ver a realidade cos ollos que a fan converterse nunha cousa incrible, unha oportunidade para disfrutar vivíndoa e logo contándoa. Claro que para iso hai que pagar a peaxe de escribir antes no xornal sobre as cousas correntes. Esas que pasan todos os días e que ás veces abren a porta aos sucesos máis extraordinarios. Aínda que só sexa de vez en cando.