¡ARRE HO! | O |
05 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.É UNHA característica moi hispánica esa de refuxiarse detrás dos outros para ocultar as miserias propias. En Historias de Londres conta o xornalista Enric González que en Inglaterra as pelexas estoupan: de repente, sen que case niguén saiba por que, o aire vólvese agrio, a tranquilidade esváese a as xerras de medio litro voan polo aire do pub. Aquí, sen embargo, todo enfrentamento que se precie require a súa cerimonia, o seu «¿fillo de quen?», o seu «sae á rúa se es home» e, sobre todo, o clásico «¡porque me agarran, que senón esfolábate!», unha frase que case sempre acaba por abortar a riña. Vivimos no paraíso dos porteiros que ocultan as cantadas abroncando aos defensas, das conspiracións mediáticas, do «a min non me miren». Por iso, a ninguén lle extraña que cando a un alcalde lle dá por erixirse en inimigo número un do feísmo arquitectónico e, poñamos por caso, o cazan cunha obra ilegal a catro pasos da liña de costa, o asunto sexa cualificado de conspiración mediática. E, pola mesma razón, cando o Valedor do Pobo tumba os soldos duns concelleiros, concedidos polo seu magnánimo alcalde, a culpa é do funcionario que transcribiu a orde. O inferno son os outros, que diría Sartre.