Discutindo o trazado

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

20 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ANTONTE empezou a emitirse na Televisión de Galicia a serie As leis de Celavella. A ambientación e os exteriores, rodados en Betanzos, lévannos a un país que xa non existe: as casas burguesas de principios do século XX non teñen, como pasa por aquí -e temo que en todas partes-, engadidos de uralita transparente, nin apartes construídos para maior gloria do cemento portland. Nos montes, polo menos nos que se ven en pantalla, non hai marcos de formigón nin pastores eléctricos, e, por algunha razón, as vilas non están cruzadas por esa maraña de cableado que fai das rúas de Pontevedra un maio de plástico aillante. Polas prazas, iso si, pasean gardas civís con mantón e mostacho e maristas con sombreiro de picos. Hai outras cousas, sen embargo, que si son recoñecibles. Nun momento do primeiro capítulo, o protagonista, Manolo Cortés, tenta convencer á pantasma de Belisario, interpretada por Víctor Mosqueira, de que xa non vive en 1908. «Estamos no 1925», dille, «e a capital de Noruega xa non é Cristianía. Agora chámase Oslo. En España manda o xeneral Primo de Rivera. E disque van facer un tren rápido entre Madrid e Galicia». Faltoulle dicir que estaban discutindo o trazado.