Especies autóctonas

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

19 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA amiga cóntame que, vendo a prensa, leu que acaba de ser recoñecida como especie autóctona a oca vasca, a euskal antzara. Descoñezo as características que debe reunir un animal para que o inclúan na lista correspondente, pero xa que se conseguiu meter case sobre a bocina entre as amplas marxes da lei de grandes cidades, Pontevedra debería mirar agora por esta cuestión. Hai que poñer as pilas, como están facendo en Mos coa súa famosa pita ou na Coruña co cabalo policía. O simbolismo conta moito. E que non se diga que non hai animais ós que promocionar. Velaí temos o voraz muxe do Lérez, rico en graxas poliinsaturadas e en aceites multigrao, ou a raíña das festas, agora en perigo de extinción, cos seus bucles e a súa combatividade natural. Ou ao touro de lidia galego, un caso practicamente inédito a este lado do telón de grelos. Pontevedra debe coidar da súa fauna máis característica, do loro parlante entroideiro, do rexedor profeta, do supervivinte do ¡Hai que roelo!, do neno con calcetín ata as canillas, ou, postos no tema, das patillas de Méndez Núñez, as máis coñecidas nesta parte do mundo despois das de Loquillo, o troglodita. Por protexer que non quede.