¡ARRE HO! | O |
17 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.É IMPOSIBLE non escoitalo estes días. Por moito que un fuxa, sempre hai un anuncio, un programa de radio casposo ou un político local que, cando menos se espera, che casca un «nestas datas tan entrañables» que te deixa seco. Ignoro de onde vén a fórmula, máis sobada que un sillón de escai, pero vaia polas ánimas se fixo fortuna. Será que servidor é demasiado afeccionado ás películas de orientais que se brean a patadas e ós telefilmes sobre escapes nucleares, pero iso de entrañables... ¿De verdade que non lles soa, ademáis de cursi, un pouquiño gore? Non sei, un pensa en algo entrañable e o único que lle sae son receitas de casquería, sacrificios de galiñas nas mámoas de Campo Lameiro, concertos de Kiss e accidentes de tráfico, cousas nada acordes coas benditas festas. Ben pensado, do que deben falar cando din entrañables é deses altavoces que cospen panxoliñas distorsionadas cando un pasea pola Oliva. Iso sí que revolve as entrañas.