NA ÚLTIMA | O |
06 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.UNHAS páxinas máis atrás nesta edición local hai unha crónica que relata as vivencias dun xornalista nunha noite de botellón. Entre as cousas que din quenes as padecen é que ás veces resultaría mellor unirse á festa rachada que seguir a dar voltas na cama sen poder durmir. Non se sabe se é o principio no que baseou a súa estratexia o párroco de San Salvador de Meis, pero a misa radiada do cura parece calcada con tiraliñas do que acontece cada noite de fin de semana no Campillo de Santa María. Se os rapaces do botellón someten a unha tortura acústica ós veciños de Pontevedra, o acoso do relixioso tamén se diexa sentir nos tímpanos dos veciños da igrexa. O párroco advertiu xa de que ós que sentiran a molestia de que a palabra de Deus se colara entre as sábanas cada mañá de domingo gracias á megafonía instalada no campanario podían ir mercando uns tapóns. Un señor que vive ó lado anda desesperado co asunto. Non durme e tampouco pode ir cazar, porque incluso dende o monte escoita o sermón, así que anda pensando en recurrir ó Valedor do Pobo. É o mesmo que fixeron os veciños afectados en Pontevedra. Porque en cuestións como estas o que molesta son os decibelios. Logo da igual que o que chege ós oídos sexa música infernal ou a pura gloira do ceo.