NA ÚLTIMA | O |
25 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A PRIMEIRA vez que Hemingway visitou España fíxoo entrando polo porto de Vigo. O escritor era entón moito máis novo que o home que logo quedou para sempre unido ó mundo dos touros e das festas de Pamplona. A súa estancia en Galicia limitouse entón a unha escala dentro da viaxe de noivos que o escritor facía cara a París. Sen embargo, Hemingway tivo tempo de plasmar nunha carta unha das imaxes máis fermosas das rías galegas. «A costa galega -escribiu- é coma os lombos de vellos dinosaurios que van morrer ó mar». É bonito pensar que cada vez que se dá un paso se está a camiñar sobre unha superficie de millóns de anos, sobre as costas dun dinosaurio ancián que meteu xa a cabeza entre as ondas. Agora sábese que a antigüidade da corteza terrestre en Galicia é dun millón de anos. Non había entón dinosaurios, pero a erosión do tempo contribuiu a debuxar ese perfil que Hemingway comparou cos animais máis grandes que andaron nunca pola Terra. O mesmo estudio que datou a idade da corteza en Galicia di que a provincia de Pontevedra é case na súa totalidade roca plutónica herciana, da que están cheos os montes. Está ben que a ciencia debuxe a realidade con exactitude, pero resulta que quizá acertou mellor Hemingway na súa explicación.