¡ARRE HO! | O |
17 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ESTÁ claro, a tendencia é recurtar. Recúrtanse os soldos, recúrtase o persoal das empresas, recúrtanse as saias e os pantalóns para que se vexan o tanga e as cirolas, recúrtanse as pensións, recúrtanse as horas de ocio, recúrtase o tempo que un pode pasar con quen quere, recúrtanse as distancias, recúrtanse as prazas de aparcamento en Pontevedra... Menos os prezos das cousas, que eses van que chutan, todo se recurta. E a linguaxe, como non podía ser menos, recúrtase tamén. O outro día escoitei a un concelleiro de Pontevedra repetir unhas sete veces que unha decisión que vai tomar «redundará na cidade». Non se sabe se vai redundar en beneficio ou en prexuízo, pero o caso é ir redundando. Iso é economía lingüística, e non o que propugnan Juaristi e outros pares da mala conciencia, que din que falar idiomas raros, tan raros coma este que están lendo, é tirar os cartos, así se tarda o que se tarda en facer un estadio olímpico e unha cidade da cultura faraónica. Hai que imitar a eses monstros da elipse verbal, a maestros da concisión e do minimalismo idiomático coma aquel entrenador que dixo en Pasarón: «Yo albergo de que podemos hacer algo grande». Ninguén dubida de que si.