Vaciando o Campillo

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

14 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A MIN iso que din os curas de que os condóns veñen pinchados e non protexen das enfermidades venéreas recórdame á cousa esta das lendas urbanas, que se puxo tan de moda ultimamente. É dicir, que vén sendo unha historieta máis que engadir á lista na que xa están as calcamonías impregnadas de LSD, os crocodilos nos embalses madrileños, a avoa lucense da cantante de Warlock ou as inspeccións de traballo. O que me preocupa realmente é a falta de imaxinación do personaxe a quen se lle ocurriu o infundio, o cardenal Alfonso López Trujillo. Non é que ó home lle pidamos virguerías, que ó fin e ó cabo un non estudia física nuclear para acabar de purpurado, pero polo menos podía poñer as cousas en positivo. É dicir, que en lugar de inventar trolas para salvar almas, podía falar dos beneficios de facerse un católico de pro, aínda que fosen tan falsos coma o chiste dos condóns: que as ostias curan a migraña e preveñen contra o escorbuto e o beriberi, que o aire fresco das igrexas favorece a rexeneración da pel da cara, ou que o viño de misa non é viño de misa, senón calimocho do máis enrollado. Xa verían como se vaciaba o Campillo.