Treme, Nova York

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

10 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

É CERTO que non é demasiado difícil sacar á luz o paleto intransixente que todos levamos dentro, pero parece que a ese respecto o fútbol é un emulsionante de enorme eficacia. Rivalidades absurdas como as que se dan entre Pontevedra e Vigo só as poden ter realmente en conta tipos co encefalograma tan plano coma dous que vin o mércores ó saír de Pasarón. Un deles, vigués, insultaba á parroquia local chamándolle «equipo de aldea» a grito pelado. O outro, pontevedrés, acusaba ó vigués de animar a un conxunto, o Celta, feito a base de cartos da Deputación, «¡da Deputación de Pon-te-ve-dra!», puntualizaba, coma se en Vigo non pagasen impostos. O peor é cando ese aldeanismo, que xenera votos a quen o sabe manexar -¿é necesario que lles diga onde teñen que mirar?-, é seguido desde o poder. O mesmo impulso que nos lleva a zurrarnos coma cabestros cos da vila veciña á saída dun campo de fútbol é o que nos fai ter tres aeroportos nos que non se pode aterrar, tres universidades públicas ofrecendo as mesmas carreiras con calidade ínfima, ducias de polígonos industriais que non resolven a falta de solo para as empresas e enredan aínda máis o desastre das comunicacións interiores, máis palacios de congresos que bibliotecas públicas realmente dotadas e, agora, sete «grandes cidades» de máis de 75.000 habitantes. Treme, Nova York.