NA ÚLTIMA | O |

03 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DESDE a redacción donde se escribe esta columna as cousas andan equilibradas. Se se acaba impoñendo o da arroba para designar os grupos formados por persoas do mesmo sexo, somos xornalist@s ó cincuenta por cento. A normalización social, funciona así, vaise colando ós poucos. Polo periódico andan mulleres que precisaron do permiso do pai para abrir a súa primeira conta bancaria, aínda que xa foran licenciadas, e tamén hai das que nacían por aqueles anos. E aínda que a diferencia de hai tres décadas para aquí e brutal, costa quebrar algúns moldes. Segundo se soubo esta semana, un 14% dos rapaces galegos fan tarefas diferentes na casa segundo o seu sexo. No que se refire a elas, catro de cada dez admiten que fregan os pratos, mentres que só un dez por cento dos nenos fai esa tarefa. Coa visión da vida que teñen na infancia, eles queren ser bombeiros e as rapazas enfermeiras. Din quenes fixeron o informe que perviven entre o alumnado certos estereotipos preocupantes. Os escolares identifican como cualidades masculinas a agresividade e a competitividade, mentres que para as rapazas queda a virtude de ser sensibles. Dentro de trinta anos, parecerá tan ridículo como que un adulto necesite permiso para abrir unha conta nun banco.