NA ÚLTIMA | O |
26 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.SONA especialmente duro cando os presos do cárcere repiten esa parte da liturxia que di: «Por mi culpa, por mi culpa, por mi gran culpa». Semella unha sorte de condena engadida, alí, nun espacio sen personalidade convertido nun templo para os que cren, pero coa frialdade das paredes desnudas do penal, os bancos de plástico fixados no chan por seguridade e sen máis altar dende o que dicir misa que un atril de madeira. Ó lado, a Virxe da Merced. A patrona permite que ó cárcere da Lama estea de festa estes días cun amplo programa de actividades coas que matar a rutina da vida entre reixas. A complexidade da sociedade multiplícase por cen nas celdas. Mil duascentas persoas, un cuarto delas estranxeiras, buscan acomodo no tempo que lles tocou compartir pechados entre os muros. É o único invento que conseguiu articular a sociedade para os que non encontran o seu sitio nela. O xesto de todos eles ten algo en común, a pegada que deixa unha vida que non se planifica, que o sorprende a un sacando de dentro o peor. Alí enterrado está o principio da espiral que remata coa liberdade, no rincón oscuro do pasado que oprime o peito no que agora baten mentres recitan: «Por mi culpa, por mi culpa, por mi gran culpa».