NA ÚLTIMA | O |
18 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.FACER da vida unha comedia, aínda que sen cruzar a liña que a separa do ridículo ou pasar a fronteira da frivolidade, parece unha boa fórmula para que os grandes males do mundo e as pequenas miserias de cada un acaben por ocupar o sitio que merecen. Sementar un pouco de humor todos os días para vivir mellor. Nesas andan as mulleres que fan cine. Dixérono onte nos cursos da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, donde andan ás voltas co cine e as súas implicacións sociais. Elas prefiren a comedia ó drama á hora de decantarse por un xénero. Pura intuinción feminina. A da supervivencia. Como esa señora do Xapón que acaba de cumplir 116 anos a base de durmir dous días seguidos e estar desperta os dous seguintes. Seguro que se tivera que facer unha película da súa vida preferiría por só os bos momentos. Nin guerras nin líos, que o seu país andivo nuns cantos. E mentres tanto, Moamar Gadaffi, o líder libio, a dicir que os defectos biolóxicos das mulleres lles impiden competir profesionalmente co home. Cun cerebro así andivo co seu país metido nun illamento internacional que dura xa máis de dúas décadas, e do que quere agora sair canto antes. Un argumento demasiado triste como para dar unha boa película.