NA ÚLTIMA | O |
09 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.QUIZAIS a única emigración que se fai sen pena é a que traspasa fronteiras movida polo amor. Esa xente que renuncia ó país para atopar acomodo no corazón dun extranxeiro. Para eles é o beneficio dunha integración rápida da man da súa parella, que lles permite adentrarse na realidade do novo país a salvo das miradas tortas que ven no diferente unha ameaza. A barreira contra a que non teñen defensa os outros. Os que abandonan a patria movidos polo estómago, fuxindo na procura dun cacho de esperanza. Un anaco de ledicia, xa non para eles, senón para os fillos. Por iso chirría tanto na conciencia a sospeita da Federación de Pais de Alumnos. Cren que hai colexios que non queren admitir ós nenos inmigrantes. A sombra esténdena sobre os centros concertados, con financiación pública, pero de xestión privada. Din os pais que se todas as necesidades que requiren un plus de esforzo acaban recaendo nos centros públicos, o sistema colapsará. Vista a calaña, era mellor tratar de convencer ós colexios reticentes coa linguaxe que mellor coñecen. Foi este o primero curso no que o número de alumnos creceu en España en 15 anos. E foi polos fillos dos emigrantes. Non hai que ser un lince para saber onde vai estar o negocio. Porque parece que só se trata deso. Claro que para eso é mellor poñer unha churrería que xogar co futuro da xente.