Voda tradicional en Marín

PONTEVEDRA

DENDE A VENTÁ | O |

30 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

UN numeroso grupo de gaiteiros e tamén alumnos dos grupos de baile Anxuiña de San Tomé e Airiños de San Xulián puxeron o broche de ouro a unha voda con traxes tradicionais galegos celebrada onte ó mediodía na igresa marinense de Piñeiro. Os noivos están moi relacionados coa vida cultural e musical da localidade, como se evidenciou na homenaxe espontánea dos seus amigos e tamén dos rapaces máis novos destas agrupacións. A voda estivo ben. Foi diferente ó acostumado, pero a novidade non foi o que máis me gustou. Hoxendía parece que todo o mundo compite por facer unha voda o máis estrafalaria ou chamativa posible. E así haiche cerimonias que ó que máis se semellan é a un espectáculo circense. A innovación non sempre vai parella co bo gusto, ó menos iso me parece a min. Por esas mesmas razóns gustoume a voda de onte en Piñeiro. Foi distinta, pero tamén se fixo atractiva. A liturxia foi sinxela. Os traxes galegos eran os máis adecuados á traxectoria vital dos noivos. E o son das gaitas e pandeiros resonou con alegría no adro da igrexa parroquial. Só resta felicitar ós noivos. Noraboa.