Pop e «reggae» dominan no cartel

La Voz

PONTEVEDRA

O amplo programa de actividades de Bueu ao vivo comeza ás 20.30 horas do venres cun espectáculo de animación teatral na rúa a cargo da compañía Catroemedio Teatro. Logo, unha exhibición de baile de salón no Centro Social antecederá á primeira sesión de música no aparcamento de Massó. Trem fantasma, de Vigo, Sanchidrian, de Lugo, e Cube, do Porriño daranlle á noite un ambiente pop-rock. O groso das celebracións acumúlanse o sábado 30. No mediodía, o contacontos Miolo e o grupo Títeres Seisdedos alegrarán a rúa Eduardo Vincenti. Pola tarde, talleres de grafitos artísticos, percusión ou malabares con paus chinos combinaranse polos espacios do núcleo urbano con espectáculos de break dance e de danza contemporánea na rúa, esta última a cargo de Carmen Buendía e a compañía Olga Cameselle. Pola noite, o espectáculo avanzará desde o hip-hop de Dios ke te Crew ata finalizar co reggae de sons xamaicanos dos vascos Doktor Deslaï. Tamén actuarán os Bush Doctors e a banda Free Tanga.