¡ARRE HO! | O |
16 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.UN costume xeralizado nesta parte do mundo é poñer pingando as programacións das festas patronais da cidade na que se vive. ¿Que se crían, que era un fenómeno esencialmente pontevedrés, coma o terraceo compulsivo, o recendo a pasta celulosa ou os bailes no Liceo Casino? Que eu tivese noticia nas últimas 72 horas, polo menos en Ferrol e en Santiago andan co mesmo asunto. Aquí escandaliza que non teñamos algo coma o de Maná en Cambados, unha velada que dividirá en dous a moderna historia da música pop. Mentres, os concelleiros ferroláns báixanse o soldo -unha osadía- para poder pagar algunha actuación. E en Compostela, nin Rachid Taha nin Van Morrison bastan para que a xente deixe de dicir que neste Apóstolo non hai concertos «grandes». Esa é a palabra: «grandes». Coliseos de centos de metros cadrados cheos de milleiros de persoas que escoitan cancións repetidas miles de veces pola tele en anuncios de multinacionais que gañan millóns de euros. O que haxa no escenario é o de menos, serve o mesmo Yola Berrocal que a arriscada aposta dos triunfitos ou o empalague non apto para diabéticos de La Oreja de Van Gogh. Con tal de que despois o poidas poñer como musiquiña no móbil...