Reportaxe | Polémica pola falta de servicios na praia de Lapamán Modestas peticións como o adecentamento das escaleiras da entrada, ou a colocación de boias que limiten o paso de iates e lanchas, seguen sen ser escoitadas
10 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Lapamán está sen duchas. E sen aseos, sen un contenedor á saída da praia, sen escaleiras seguras, sen sitio onde aparcar e, o que é peor, sen control. Non hai policía que coordine o tráfico, nin un servicio sanitario estable no areal. Lapamán, unha das praias «do mellor da provincia», segundo varios turistas, continúa abandonada. Este maltrato vén de hai moito e non semella que este ano se vaia arranxar. O motivo principal é a especial situación administrativa do areal. Está partida entre dúas parroquias, Ardán e Cela, que pertencen a dous conellos distintos, Marín e Bueu. Aínda que a maior parte do terreo está dentro de Bueu -o 80%, segundo Xosé Manuel Portela, concelleiro de Servicios e Turismo de Marín-, as diversas corporacións nunca chegaron a un acordo sobre a xestión plena da praia. Ata o ano pasado, que chegaron a un pacto segundo o cal Marín se encargaría do equipamento e Bueu da limpeza da praia. Mais este verán, xa a mediados de xullo, non hai duchas en Lapamán. «Parece que en vez de ir a mellor imos a peor -dicía onte unha encargada dun dos tres aparcamentos privados próximos ó areal-. E que non digan que hai moitas praias, porque en Beluso hainas ben pequeniñas, que ó lado desta non valen dous reais e están ben preparadas». Portela, o responsable no Concello de Marín, asegura que as duchas están en camiño. «É que estivemos equipando as praias con bandeira azul. Sobre o resto de necesidades do areal, Portela cre que atinxen a Bueu, pois «afectan basicamente ó seu territorio». A concelleira de Servicios de Bueu, Teresa Magdaleno, tivo que soportar outras queixas ademais da falta de servicios. Ata o pasado mércores, o lixo botaba por fóra das escasas catro papeleiras instaladas en Lapamán. «Era vergoñento -comentaba a encargada dun chiringo-. Ata o punto de que unha parella de turistas puxo uns guantes e recolleu o lixo do arredor». Ante a queixa dos veciños, o Concello de Bueu comezou a recoller o lixo das papeleiras. Sobre a instalación de novos equipamentos, como as boias que limiten a entrada dos iates e lanchas, Magdaleno supón que «sería preciso un acordo con Marín». Respecto a ausencia de atención sanitaria, Protección Civil de Bueu ve inviable a instalación dun posto na praia. «Préstase por mar, van os voluntarios coa lancha desde Portomaior e dan unhas pasadas pola praia». Un turista madrileño lamentaba: «me encanta esta playa, pero está muy mal atend¡da, si hubiera alguien con problemas se moriría, porque no hay nadie». Bandeira azul «Lapamán ten fermosura para ser bandeira azul, pero fáltanlle os servicios» afirmaba unha visitante. O edil de Marín sostén que sería caro e dificultoso e que, en último caso, a petición sería conxunta ou do Concello buenense. Magdaleno di que debería ser de Bueu, «por ter máis espacio». Charo, encargada dun párking, conclúe: «A praia requeriría outros servicios, pero outras os requixeron e puxéronllos, ¿ou non?».