Os galeóns voltan ó mar

PONTEVEDRA

DESDE A VENTÁ | O |

28 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DOUS novos galeóns -embarcación tradicional pesqueira galega- poderán observarse desde hoxe no porto de Sanxenxo. O seu traslado desde O Grove será unha das noticias da xornada e atraerá a atención dos visitantes curiosos, dos rapaces que nunca tal viron, e tamén de máis dun vello nostálxico, deses que aínda quedan e que recordan cando eran pequenos e a ría estaba chea de xeitos e traíñas. Estamos en Galicia, e Sanxenxo ata hai pouco tempo sempre vivíu do mar. Non deixa de ter certo aire de tristeza a celebración da chegada dos galeóns a Sanxenxo. Recupérase unha tradición, ó menos consérvase un modelo de bote que desapareceu das costas. E isto é precisamente o triste. Moitas veces os galegos non sabemos apreciar o que temos ata que o perdemos, e cando recuperamos algo facemos festa. Pero, ¿non sería mellor non telo perdido nunca? Hai escasamente catro meses, un galeón vello, un dos botes de maior idade de Bueu, empodreceu varado na praia da Banda do Río, a carón do porto. O seu dono ía dalo a unha persoa que o ía restaurar. Pero o certo é que o tempo pasou e o barco esfondou, a auga o rachou e Bueu perdeu a oportunidade de conservar ese galeón para si mesmo e os veciños dos arredores. Hoxe Sanxenxo celebra o regreso dos galeóns, pero ó outro lado da ría, hai meses despediron, de forma case desaparecibida, un bote que simboliza tamén, co seu patético final, a necesidade de rehabilitar a herdanza popular dos nosos ancestros. E aínda máis triste é pensar que non só se está perdendo o noso pasado relacionado co mar. Por todo isto, ¡benvidos sexan estes tres galeóns, e que veñan moitos máis!