DENDE A VENTÁ | O |
14 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.NALGÚNS dos salóns de plenos da comarca resoaron onte versos e frases de persoeiros célebres, que racharon a rutina dos discursos de investidura dos alcaldes. Así pois, ademais dun seco agradecemento ós veciños e ós demais grupos políticos -que por moi sentido que sexa sempre da unha idea de isto xa o sabemos todos- aporta algo novo a introducción de referencias literarias no medio dos discursos. Non hai dúbida de que ten a súa atracción ós oíntes. Iso si, agárdase do rexedor que se atreve nestes terrenos esvaradizos que saiba o que di e que o diga ben. E neste senso destacan as intervencións de tres rexedores locais. Por un lado, sorprendeu en Pontevedra a ausencia á case obligada referencia a Castelao ou a Bóveda por parte de Miguel Anxo Fernández Lores. Fíxoo o alcalde de Poio, Luciano Sobral, para recordar o seu compromiso con Galicia, que para algo estamos no ano Bóveda e este municipio está ligado a súa historia e tráxico final. En Marín, o alcalde Antonio Santiago sorprendeu cunha reflexión sobre Machado e o poema A un Olmo Seco. Os anos de ensino do rexedor marinense danlle nisto unha ventaxa indiscutible sobre a maior parte dos seus iguais. Todos esperábamos algo parecido, e non defraudou. E Manoel Loureiro, aínda que non é mestre, non se quedou atrás en Cotobade. Mencionou a Jovellanos e a Tierno Galván e reflexionou sobre a honestidade e o papel dos políticos.