¡ARRE HO! | O |
11 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.CASE mil rapaces e rapazas fan a proba de selectividade estes días en Pontevedra. Algúns tiñamos xa esquecido o trance, e é preocupante, porque non fixemos o exame hai tanto. Sen embargo, a nosa historieta xa empeza a soar coma cando dúas nais se xuntan e empezan a falar «daquel quinto curso que había daquela», ou «desa reválida que tiñamos que pasar», coma se se tratase de algo máis remoto que as doce probas de Hércules. Resulta curioso escoitalos comentar o que van estudiar, tan preñados de dúbidas coma sempre, e falar da carreira que servidor estudiou. Uns, para repetir o conto épico que todos nos montamos antes de pasar pola facultade, e que a guerra de Irak se ocupou de agravar, cos seus heoricos xornalistas mortos e os seus perigos en cada esquina. Outros, e non sei o que é peor, para poñela a caldo. Tampouco é para tanto. Afortunadamente, non todos os que estudian Arquitectura chegan a parecerse a Renzo Piano, nin todos os que fan Dereito acaban sendo Lou Grant -maldición, estes tipos tan insultantemente novos non saben quen é Lou Grant-. E, ademáis, estúdiese o que se estudie, un acabará equivocándose. Ou todo o contrario. «Non ten saídas», din os máis contumaces. Pois xa me podían ter avisado antes.