Augas procelosas

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

03 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ANDAN en Sevilla sacando ósos das tumbas para comprobar que corresponden a Colón, o navegante que redescubriu América para goce dos nativos. Uns expertos en xenética van facerlle a proba do ADN ós restos do almirante para resolver dunha vez ese dilema que non nos deixa durmir: ¿onde está enterrado o seu corpo? Pobre home: caeu en mal sitio. Aquí en Galicia non temos nin idea de quen está enterrado na cripta da catedral de Santiago, e máis non pasa nada. Mentres na rúa do Franco haxa polbo, pementos de Padrón e viño de dubidosa reputación, ós turistas dálles igual que no sartego estea Prisciliano, San Teotonio ou calquera indocumentado. Ademais, nesta parte do mundo moitos somos máis partidarios da teoría que di que Colón naceu en Poio, máis ou menos no lugar que agora ocupa a piscina do edificio no que vive unha compañeira de traballo miña. Iso si que é nadar en augas procelosas.