A marea da lingua

La Voz

PONTEVEDRA

16 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

«¿Sabedes por que ós nenos cataláns non lle gusta Shin Chan? Porque non fala galego» O debuxante e contacontos Kiko da Silva levou os primeiros aplausos da chavalada que se congregou onte na Ferrería. Con mazás e botellíns de auga para repoñer forzas despois dunha longa carreira polas rúas da cidade, os nenos uniron as mans baixo un berro unánime: «¡Fala, non cales!». O mestre de ceremonias, o cantante Xurxo Souto, gritaba á marea humana «¡avante toda!». É a última etapa de Correlingua, a marcha en en favor do idioma que neste mes se celebrou en diversas cidades galegas. «O balance é moi positivo -sinalou Souto-, porque frente a indolencia da Administración á hora da normalización lingüística está o gran valor dos rapaces novos, que están reclamando unha oportunidade para compartir esta cultura con outras do mundo». Saltando cos nenos estaba tamén a concelleira de Educación, María Xesús López Escudeiro, quen indicou que os dous mil escolares que asistiron á festa «constitúen o futuro de Pontevedra e da lingua». A marea negra tamén estivo presente na Praza da Ferrería e concretamente no manifesto de Correlingua: «o Prestige trouxo unha marea negra ás nosas costas como a que os séculos escuros trouxeron á nosa lingua». E por suposto, a resposta unánime foi: «¡Nunca máis!».