Paloma Fernández (BNG): «Un pacto co PSOE aquí é improbable polas persoas»
PONTEVEDRA
?aloma Fernández, licenciada en Dereito e funcionaria da Deputación de Pontevedra, naceu en Vilagarcía hai 45 anos. A concelleira do BNG e única muller da corporación -supliu a Iñaki Fernández na recta final do mandato- non ten pelos na lingua á hora de falar do que pode pasar despois do 25-M. -O programa do Bloque semella o segredo mellor gardado... -Aínda non o presentamos. O que podo dicir é que na súa elaboración colaborou xente de Caldas que non é do BNG e aportou as súas ideas. Non somos nin sectarios nin un grupo reducido de xente, como din algúns. -¿Que pensa dos seus rivais políticos? -Evaristo (Juncal) leva moito tempo fóra de Caldas, aínda que teño que admitir que me sorprendeu moito velo de candidato. Se eu vivise en Pontevedra e en Caldas pasa o que pasou tería aparecido por aquí. En xeral, de Evaristo e de Tobío o que me chama a atención é que lles preocupe o medio ambiente. O PP ata incluiu no seu tríptico unha foto da fervenza de Segade. -O BNG ten un concelleiro e parte do mandato estivo sen el. ¿Podése pagar electoralmente? -Explicámolo no seu día, outra cousa é que chegue. Repítoo. O meu compañeiro é veterinario e ten unha clínica cun socio. O tema das vacas tolas deixouno só e non daba feito. Eu era a seguinte, pero tiña un compromiso anterior. -A loita contra o encoro do Umia... -O ano 2000 foi o peor ano para a coordinadora. E tiven que trasladar ó BNG que tiña que cumprir con ese compromiso anterior, e derónme a razón. Non hai que olvidar que a xente segue aínda sen cobrar. Teño claro que collín o camiño difícil, outros optaron por pasearse cos poderosos. -¿Se non estivese á fronte tería tomado posesión antes? -Claro. Ademáis de portavoz era o contacto co avogado. De tódolos xeitos, eles tiñan maioría absoluta e a nosa ausencia non ía prexudicar a Caldas. Se fixera falta o voto do BNG... -¿Que lle pode pesar a PP e PSOE o 25-M? -O PP ten a política estatal e a da Xunta en contra, e o PSOE de Caldas ten unha maioría absoluta preciosa, polo que non lle pode botar a culpa a ninguén do que non fixo. Confío en que iso se teña en conta. -Co fracaso do pacto PSOE-BNG en 1995, ¿hai camiño para outro se fose necesario? -O BNG é unha forza de esquerdas e un pacto co PP está descartado. A nivel xeral co PSOE entendo a postura, pero a norma é pactar con persoas progresistas e eles non o son. Unha cousa é ser socialista e outra ir nunha lista do PSOE. Farase o que diga o consello local, pero o pacto é improbable aquí polas persoas.