¡ARRE HO! | O |
13 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.ÉLLES unha pena que servidor non poida votar na Coruña, porque entón si que o tería decidido. E ben decidido, ademais. Faríao, evidentemente, polo candidato do PP, Fernando Rodríguez Corcoba. E non por iso de apoiar ó candidato máis feble: a Corcoba non o coñecen nin a metade dos coruñeses, e cando o país naufragaba en chapapote o tipo andaba chapoteando nas cristalinas augas do trópico, desfrutando dunhas vacacións -outros, con máis responsabilidade no asunto, andaban a pegar tiros en coutos de caza varios-. Tampouco crean que lle votaría por aquelo que me din algúns de que son defensor de causas perdidas, coma o idioma, o rocanrol ou os futbolistas ós que chaman polo apelido e non «Chuchi», «Titi», «Javi» ou «Raúl»... Non é por nada diso. Como creo na utilidade das campañas electorais -quen llelo diría, ¿eh?-, eu apoiaría a Corcoba porque me convenceu coas súas propostas. De prometer, pensou o tipo, prometer ben. No caso de que saia elixido alcalde, e segundo o anuncio que insertou o seu partido onte na páxina 25 deste xornal, fará 480.000 novas vivendas, habilitará 400.000 prazas de gardería e porá na rúa 20.000 axentes para mellorar a seguridade na cidade. En definitiva: cada coruñés terá dous pisos e praza e media de gardería, e haberá un garda á porta de cada comercio. Visto isto, o que nos prometen en Pontevedra é calderilla. ¿Ou non? (Dinme por aquí que non me pase, que o asunto debe de ser un simple erro ou a trasposición á propaganda electoral municipal dos números dos sete anos triunfais de José María Aznar, The Champ, e que o de que «un millón de mozos xa conseguiron o seu primeiro emprego» demóstrao claramente, que nin de broma hai un millón de coruñeses por moito que sexa a cidade na que ninguén é forasteiro. Pois é lástima: eu xa tiña preparados os papeis para cambiar de domicilio. Co caros que van os pisos, non mo reprocharán).