Galicia, a que máis

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

05 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

VIVIMOS un novo Renacemento. ¿Que Renacemento? ¡Vivimos un novo amencer! Día tras día coñecemos un aspecto máis no que este recanto atlántico figura como o mellor do mundo: Galicia, líder mundial no mercado da moda; Galicia, o terceiro Hollywood -o segundo é India, naturalmente-; Galicia, referente internacional na implantación de Internet a velocidades quinindiola en parroquias incomunicadas; Galicia, a toda mecha: Pontevedra-Madrid unidas por tren en menos do que dura unha partida de cinquillo; Galicia, envexa do mundo libre pola súa paz social: manifestacións de 50.000 persoas simbolizan cómo unha protesta «se desinfla». Galicia, a que máis: a empanada de cebola máis grande, a Cidade da Cultura máis moderna, a marea negra máis branca, a gaiteirada máis masiva do planeta. Desde hai uns meses temos, ademáis, outra plusmarca pola que felicitármonos. Galicia foi no 2002 a comunidade autónoma na que máis barato resultou despedir un traballador. Os empresarios autóctonos, orgullosos do dato, botaron man do asunto con profusión: 14.000 persoas perderon o traballo o ano pasado gracias a esta peculiaridade tan nosa, galega coma ti. Ei, carballeira.