Corenta de cada mil

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

28 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ESE momento no que a presión da agulla empuxa a pel cara abaixo aínda sen perforala é quizais o peor. Cando a tensión dos tecidos se quebra polo metal afiado e este entra no corpo liberando o sangue fóra do seu circuito habitual, un xa non sinte o corpo extraño metido na vea. Medio litro. É todo canto se pide para manter o sistema en marcha. Dise aquí ó lado que por cada mil pontevedreses só corenta deron sangue para os demáis durante o ano pasado. O runrún do sangue quentiño a sair pola agulla é ata agradable, unha experiencia para quen nunca probou a sangrar de forma controlada. Moito mellor que un desastre deses que se producen cando unha contusión deslabaza os tecidos levantando o pel desordenadamente. A precisión da agulla é total. Un sinxelo mecanismo de balanza avisa cando se chegou a cantidade indicada. Hoxe vai estar unha unidade mobil do Centro de Transfusión de Galicia frente do Concello. Depende de cada un ser un elexido. Un dos corenta de cada mil dispostos a probar como o metal entra no corpo e deixa fluir un pequeniño regueiro que acaba por se converter nun río de solidariedade.