¡ARRE HO! | O |
22 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.HAI UNS anos, cando en vez de Shin Chan os que estaban de moda eran os Power Rangers, había por aí unhas pegatinas moi boas nas que se vía unha foto dos superheroes xaponeses cunha lenda impresa debaixo, que dicía: «Se non queres ser coma eles, le». O dito, lean. Hoxe é o día internacional do libro, así que se algún de vostedes é dos que necesitan unha excusa para pasar polas librerías de Pontevedra, que as hai e boas, velaí a teñen. Busquen e atoparán o que queiran, e entenderán mellor, se é que hai algunha maneira de entendelo, o que está pasando por aí fóra. Hai libros, por exemplo a Historia oral del bombardeo de Gernika, na que os que morren baixo as bombas din «aúpa» e non «Alá». Pode un ler tamén o Diario do ano da peste, de Daniel Defoe, e imaxinarse o Londres actual, hipermoderno e estirado, en corentena pola neumonía asiática, ou pola gripe das pitas, vaia vostede a saber. Insisto: lean. Co que custa ver un partido de fútbol en pago por visión faranse cun libro ben gordo. Pero lean variado. E non se crean nin a metade. Bush e Bin Laden só miran para un libro, a Biblia un e o Corán o outro, e tómanos tan en serio que así nos loce o pelo.