¡ARRE HO! | O |
12 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.QUE NON se diga: servidor está de acordo con Aznar polo menos en dúas cuestións. A primeira, que existen as illas; a segunda, que as illas non son o que eran. Existen illas coma a de Ons, na que para baixar á praia case hai que tirar de prospecto, non vaia ser que un entre na auga cuberto de bronceador e volva enterrado en fuel oil virtual. Temos outras, coma as Azores, nas que o vento trastorna os visitantes, que o mesmo arrasan un país que fabrican unha baralla de póquer na que se ven dirixentes iraquís facendo un estriptís halal.Hai outras illas, coma Cuba, ás que algúns iluminados admiran, sen dúbida por asuntos como a rapidez da xustiza -unha semana chégalles para deter, xulgar e executar ós opositores-, a calidade dos seus xornais -se todos contan o mesmo, por algo será- e a clarividencia do seu líder, que en nove lustros levou o país de prostíbulo para americanos ricos a prostíbulo comunista, é dicir, ladillas para todos. E menos mal que nos queda Islandia, perdida no Atlántico, poboada por un cuarto de millón de persoas que conservan o seu idioma, antigo e minúsculo, con moito orgullo e bastante éxito. Díganlles vostedes que máis alá de Pedrafita -de Reikiavik, quero dicir- iso de falar estraño non só é antieconómico, senón que ademáis está mal visto, respete, hombre, sea un caballero.